Portada

Oitocentos

GALAXIA
06 / 2004
9788482886138
Gallego
ILLA NOVA
Literatura clásica

Sinopsis

Os personaxes desta historia, un excorredor de atletismo e o seu grupo de amigos, abalan entre a inestabilidade laboral e a indeterminación persoal. Sen perspectivas no traballo e coa ameaza permanente da soidade pairando sobre a súa vida. Encrucillada vital que o autor vai resolver a través dunha interesante narración dialogada, que se desenvolve en escenas que lembran as dunha película. A novela de Xavier Franco Alonso avanza cun ritmo narrativo constante, que arrastra ao lector polo efecto duns diálogos que, como no cinema, nos van contando a historia cos palabras dos seus propios protagonistas. Oitocentos fala das dificultades para adaptarse a unha existencia sempre marcada pola inseguridade, condicionada pola necesidade de traballo estable, pola falta de comunicación e ameaza da soidade. A historia iníciase cando un corredor de media distancia volve á súa cidade de orixe logo de decidir abandonar o deporte. Tentará adaptarse á súa nova vida, reestablecer a relación cos seus antigos amigos e atopar traballo, un traballo normal que lle faga esquecer a súa dedicación ao atletismo profesional e que lle permita albiscar un futuro persoal novo. Franco Alonso sitúa o seu labor literario nas proximidades do real, busca os seus personaxes entre a xente corrente, achéganos a situacións perfectamente recoñecibles nas que a súa habelencia narradora descobre historias insospeitadas, suxire conflictos e intensifica emocións. Oitocentos é unha historia de hoxe, contada con pulo cinematográfico, que nos mergulla na vida cotiá dunha cidade galega.